| PROBLEMAS XERACIONAIS |
|
Lin hai un tempo unha tradución ao Galego do diario do autor italiano Cesare Pavese, feita para a Ed. Galaxia por Xavier Rodríguez Baixeras e que leva por título “O oficio de vivir”. A min gústanme moito os diarios porque son un xeito de entrar dentro da personalidade do autor e neste caso trátase ademais de unha época importante da vida europea, xa que colle desde 1933 ata 1950, oito días antes de morrer dito autor. Son disquisicións, a veces un tanto metafísicas, pero que teñen un profundo calado intelectual e humano.
Collo unha do mes de agosto do ano 1947 por razóns obvias: estamos en agosto e nacín en 1947. Atopei un pensamento sobre o que merece a pena reflexionar e espero que os seguidores do blog nos ilustren coas súas reflexións. Di así: “ Os problemas que axitan unha xeración extínguense para a xeración vindeira, non porque fosen resoltos senón porque os anula o desinterese xeral” (1).
En primeiro lugar habería que definir o que é unha xeración. Segundo Ortega, cada quince anos hai unha xeración nova. Posiblemente as cousas teñen cambiado froito da formación e da información. Hoxe a vida vívese máis rápido e hai moitas máis oportunidades de coñecer o que sucede o noso arredor. Hai por iso máis capacidade de mimetismo e de repetir o que fan outros ou de realizar o que reproducen outros.
Os problemas que afectan a cada xeración, - problemas sociais, políticos, culturais ou económicos, - non se resolven nunca neses momentos, senón que se lles vai dando forma, co paso do tempo. A época que lle tocou vivir e sufrir a Pavese, non se pode comparar á nosa, cando menos no entorno que nos toca vivir, porque as ideas democráticas teñen unha maior implantación na sociedade. É verdade que a democracia non é un “status”, algo que se consigue de unha vez e para sempre, pero non é menos certo que está máis asentada e que “experimentos” totalitarios como os que se viviron é difícil que se repitan.
O que hai que evitar é o desinterese xeral do que fala o autor. Pode ser que se aprecie un certo desinterese polo xeral, sobre todo cando se vive unha crise, pero non é menos certo que hai moitos persoas, institucións e colectivos que traballan arreo para que as cousas poidan cambiar e mellorar. A historia non se repite non só porque as circunstancias sexan sempre distintas, senón porque hai moitos homes e mulleres que traballan para que esa historia sexa distinta.
Ben é certo que hai máis que problemas, modas, costumes que se viven como problemas, que non atopan “solución” nada máis que co paso do tempo. Aínda así merece a pena identificalos, coñecer as súas causas e prever as consecuencias, aínda que as solucións non sexan nin factibles nin fáciles. Esas solucións veñen máis polo esquecemento que por solucións reais; veñen máis porque aparecen outros xeitos de ser e de estar, motivados moitas veces pola propaganda, que subsumen aqueles que vivimos moitas veces con demasiada paixón.
(1) PAVESE, C.: O OFICIO DE VIVIR, Ed. Galaxia, trad.Xavier Rodríguez Baixeras, Ed. Galaxia, Vigo, 2006, páx. 345
Quero manifestar o meu máis profundo sentimento polas vítimas do accidente de Barajas así como desexar o pronto restablecemento dos sobrevivintes.
|
| José L. Orozco. domingo, 24 de agosto de 2008
ás 19:23:13
|
|
|
| NON Á GUERRA |
|
Vou escribir este comentario despois de ver unhas imaxes impactantes na TV da guerra tan de actualidade entre os rusos e os xeorxianos. Non teño capacidade de análise suficiente para ver de que lado está a razón ou a sen razón. Nin me preocupa. Non se trata diso. As guerras nunca tiveron sentido, e por iso ninguén ten razón dabondo para comezala; pero agora, unha vez que os seres humanos as temos “experimentado” tanto, unha vez que os seres humanos nos temos dotado de instrumentos de diálogo como pode ser a ONU, unha vez que existe prensa libre polo que xa é case imposible esconder a verdade, as guerras teñen menos sentido que nunca.
Porque tanto afán de destrucción? Porque tanto odio acumulado? Porque tantos señores da guerra que mandan as súas tropas ben pertrechadas en contra das casas, dos bens e das vidas de seres inocentes?. Porque tanto afán de deixar “terra queimada” as miñas costas para que os “perdedores” teñan aínda máis difícil a recuperación? Porque tanta hipocresía nas grandes potencias e noutras “unións” que pouco pintan, para propiciar que non se acabe con un pobo pequeno, pobre e con unha capacidade de defensa e ataque moi débil? Porque tanto afán armamentístico e tanta fabricación de armas cada vez máis destructivas?
Vin unhas imaxes nas que as tropas rusas incendiaban os seus propios carros de combate porque preferían abandonalos que volver con eles as súas posicións. Felices os fabricantes de armas. Vin unhas imaxes nas que persoas do pobo, o pobo, sufría a desesperación, a morte, o abandono, a impotencia, o desgarro da morte e da separación. Xa sei que sucede a cotío, que as guerras son case todas iguais; pero é que hoxe vin esas imaxes e quero berrar: ¡Non a guerra! Non a quen as provoca, as ampara, as inicia ou as propicia. Estou firmemente convencido que quen as sufre non as quere, por moito que logo os que as provocan se paseen ao carón deles.
Hai 40 anos naceu o movemento hyppie que, entre outras cousas, reivindicaba a loita pola paz. Podo ser tildado de utópico por aspirar os meus anos a vivir nunha sociedade en paz. Pois si, aspiro como Kant a unha Paz Perpetua. E é posible. Por iso, senón queremos a guerra, traballemos pola paz. E traballar pola paz son moitas cousas, pero tamén é propiciar unha sociedade xusta, igualitaria e solidaria: lonxe e ó carón da nosa casa. Gandhi segue a ter razón.
|
| José L. Orozco. domingo, 17 de agosto de 2008
ás 23:10:31
|
|
|
 |
|
|  |